A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

Pobos: Curdistán

O pobo curdo sofre dende hai décadas a falta de recoñecemento das súas aspiracións nacionais e de liberdade. A súa distribución entre varios estados fai que a súa realidade política sexa complexa e que, polo tanto, tentar dar unha visión histórica e actual o sexa tamén.

É difícil cuantificar a poboación curda existente na actualidade. A dispersión e a falta de recoñecemento fan que as cifras sexan aproximadas. Trinta millóns de curdos repartidos nunha superficie de máis de medio millón de quilómetros cadrados e entre cinco estados (Turquía, Siria, Iraq, Armenia e Irán) fan que sexan a minoría máis importante do Oriente Próximo.

Orixes do conflito

Para entendermos a actual distribución do pobo curdo en cinco estados temos que retrotraernos á desaparición do Imperio Otomano tras a Primeira Guerra Mundial. As potencias imperialistas da época plasman en 1920 mediante o Tratado de Sèvres dúas grandes áreas de influencia en Oriente próximo. Siria e Libia quedarían baixo mandato francés e os territorios comprendidos entre Palestina e o actual Iraq baixo a británica. Canto á península da Anatolia, quedaría tamén dividida entre as potencias vencedoras, cunha Armenia cunhas fronteiras moito máis amplas que as actuais e un ente estatal curdo baixo supervisión británica.

Mentres que nos territorios de maioría árabe se plastmou o mandato efectivo de franceses e ingleses, na actual Turquía non se acepta esta división, comezando unha guerra na que o exército turco consegue establecer case as fronteiras actuais e unha república baixo o mando de Mustafá Kemal Atartük, pai do actual estado laico. O tratado de Lausana de 1923 reflicte esta nova realidade e fai que desapareza do mapa o hipotético estado curdo programado tres anos antes. A partir deste momento a situación do pobo curdo non variou sensibelmente no aspecto político. Continúa a loita pola independencia, con maior ou menor intensidade, en cada un dos territorios en que queda dividido.

A loita contra a desaparición

Tras o fracasado intento dun reducido estado curdo na zona que hoxe ocupa este pobo en Turquía, a súa situación pasou a ser simplemente de invisibilidade. Feitos puntuais como a proclamación da República de Ararate (1927-1930) no Curdistán turco foron rapidamente aplacados. No Irán, tras a Segunda Guerra Mundial e coa axuda soviética, é proclamada a República de Mahabad en 1946 no Curdistán baixo control iraniano. De curta vida, foi rapidamente recuperada polo exército do xá persa. Na década dos anos sesenta e setenta os curdos pertencentes ao Iraque érguense contra o rexime. O resultado foi unha política de represión e masacre practicamente constante até os anos noventa. Na actualidade, o Curdistán iraquí goza dun ente autonómico.

Manifestando reclamando a liberación de Öcalan durante o Newroz de 2013
En 1977 fúndase o PKK (Partidos dos Traballadores do Curdistán) en Turquía, organización política de carácter marxista que loita pola independencia nacional do Curdistán. Ano tras ano vaise intensificando a loita do PKK, así até mediados dos anos oitenta onde se pode considerar a existencia dun auténtico conflito bélico entre o PKK e o Estado turco que se mantén até a actualidade, onde se negocia unha saída a este enfrontamento entre as dúas partes. A presidencia do partido está en mans de Abdulah Öcalan, detido en 1999 en Kenia, extraditado a Turquía e condenado a pena de morte por delitos contra a unidade nacional turca e terrorismo. Así mesmo, o PKK é considerado unha organización terrorista pola U.E. e polos E.U.A.

Nos outros estados onde se localiza o pobo curdo a súa sorte non foi moi diferente. Tras a caída da URSS a súa situación dentro de Armenia pasou a ser moi delicada, pasando dun status de minoría protexida na era soviética a desaparecer do ordenamento xurídico. Na Siria, tras décadas de represión política e cultural como minoría, en 2011 accederon á cidadanía, ata ese momento vetada aos curdos radicados neste país.

Pódese comprobar a través destas liñas que a invisibilidade do pobo curdo é unha constante a través da súa historia contemporánea. A súa posición xeoestratéxica e riqueza en petróleo son factores que fan que sexa un territorio altamente cotizado polos gobernos da zona, facendo que a represión a todos os níveis sexa a característica fundamental deste conflito. A vulneración dos dereitos máis básicos así como as matanzas e persecución dos curdos teñen que facernos lembrar que é un conflito vivo e que a súa loita pola liberdade continúa.

Máis información: