A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

Pobos: Palestina

Cada 15 de maio, a solidariedade coa Palestina ten unha data marcada no calendario. É a celebración da Nakba (o Desastre), que se refere á expulsión de mais de 700.000 palestinianos e palestinanas das súas moradas por causa do conflito que en 1948 instalou na rexión o Estado de Israel. Desde entón — e van 66 anos — as chaves das casas das que o pobo palestiniano foi expulsado pasan de xeración en xeración sen que no horizonte próximo se enxerguen opcións claras de terminar co novo apartheid. E por iso, o significado da Nakba vai moito alén daquel feito isolado e serve para resumir todo o conxunto da barbarie sionista.

Desde os interminábeis check-points ás demolicións arbitrarias de casas, hortas e outros lugares de traballo, amparadas nunha lexislación estranxeira e na forza bruta. Da negativa a considerar a xente da Palestina como suxeito de Dereitos Humanos á negación de calquera tipo de soberanía ou autodeterminación. Do corte sistemático de todas as entradas e saídas da Gaza e da Cisxordania á intervención militar contra a Flota da Liberdade, contra a Arca de Gaza e contra calquera intento de solidariedade internacionalista, non só na Palestina como moitas veces também fóra dela.

A Nakba non é unha data. É un significado. Se tivese forma definida, sería o signo preciso da barbarie dos imperios vestida de xenofobia e apartheid. Mais o mesmo tempo tamén sería a certeza da resistencia. Porque as catástrofes, nos pobos valentes, serven tamén para se erguer de novo.

Que é a Nakba?

A Nakba é, no sentido máis concreto e restrinxido do termo, a data na que o exército de Israel comezou a expulsar poboacións palestinianas enteiras das súas casas: o 15 de maio de 1948. Entender como se chegou a aquela situación e cales son as consecuencias do proceso é fundamental para poder valorar este conflito nos seus xustos termos.

En 1947, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas propuxo a partición do Mandato Británico da Palestina en dous Estados separados, un xudeu e outro árabe. A idea, porén, non era en absoluto arbitraria. Significaba a criazón, a partir da nada, dun Estado xudeu e, consecuentemente, a obriga de lle facer un sitio xeográfica e politicamente a unha poboación estraña sen calquera relación con aquel territorio, o que implicaba a expulsión de amplos continxentes de palestinianas e palestinianos.

A favor desta proposta xogaban, en primeiro lugar, o fin da Segunda Guerra Mundial, que había deixar para a memoria o asasinato de milleiros de xudeus en Centroeuropa; en segundo lugar, a incapacidade das grandes potencias para condenaren ou cando menos asumiren as ocupacións, os mandatos e os protectorados como algo a erradicar, devolvendo as terras e os recursos aos pobos que orixinariamente se tiñan desenvolvido alí e, por último, mais de maneira fundamental, a presión que as principais fortunas xudaicas chegadas aos Estados Unidos como refuxiadas exerceron sobre o goberno de Washington e sobre os seus parceiros.

É certo que coa proposta das Nacións Unidas o mandato británico desaparecía, pero non o facía para lle devolver as terras ao seu lexítimo propietario, que era o pobo palestiniano, senón para o expulsar e establecer alí colonias de xudeus providos, na súa maioría, da Europa central e do leste.

De onde saíu unha idea semellante? A proposta das Nacións Unidas non era senón unha proposta do lobby sionista que tiña fuxido da Europa para os Estados Unidos inmediatamente á chegada do nazismo ao poder na Alemaña. Aquel lobby baseaba as súas reclamacións no concepto de “reparación” que exixían en base a teren sofrido a persecución do nazismo.

Aquel lobby aproveitaba de forma interesada a memoria do Holocausto e, esquecendo de maneira interesada o resto de colectivos perseguidos polo nazismo, así como o asasinato masivo de homosexuais, militantes da esquerda e en xeral calquera persoa que se tivese oposto ao plano nazi, se apresentaba como única vítima da barbaridade e exixía reparacións da “comunidade internacional”. Unhas reparacións que, segundo a teoría esencialista do sionismo, desenvolvida no século XIX por Theodor Herzl e polos seus seguidores, exixían a criazón dun Estado independente cuxa localización viría determinada polos textos sagrados do xudaísmo e cuxa fundamentación viría dada unicamente pola relixión. Porque, na realidade, a relixión é o único elemento de certa “unión” dos xudeus, polo demais provenientes de diferentes países, con diferentes linguas e con diferentes realidades.

A realidade terminou sendo que o pobo palestiniano foi expulsado das súas casas por unha orde tomada a milleiros de quilómetros, para deixar as terras a persoas vidas da Alemaña, da Austria, da Polonia, da Ucrania, da Rusia, da Iugoslavia, etc., cuxa única vinculación con aquel territorio era a que aparecía escrita na Torá.

Que facer?

Hoxe en día, a solidariedade internacionalista coa Palestina está vehiculizada principalmente a través da campaña internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel. Esta campaña, que ten a súa organización propia no noso país (BDS-Galiza) propón submeter Israel ao mesmo tipo de presión internacional que permitiu terminar no seu día co apartheid na África do Sul.

A BDS foi lanzada en xullo de 2005 apelando ás “persoas con consciencia en todo o mundo para impor amplos boicotes aos produtos israelenses e promover iniciativas de sancións internacionais e desinvestimentos estranxeiros no Estado sionista”. Os obxectivos son:
    1. O fin da ocupación e da colonización e o desemantelamento do Muro que divide a Palestina, cuxa construción foi declarada ilegal pola ONU, mais que Israel continúa a reforzar.

    2. O recoñecemento dos dereitos fundamentais do pobo palestiniano que reside dentro do territorio do Estado de Israel.

    3. O respeito, protección e promoción do dereito ao retorno das persoas que foron expulsadas durante a Nakba e dos seus descendentes, para que poidan volver ocupar as súas moradas, en liña coa resolución 194 das Nacións Unidas.