A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

A campaña BDS

Que é a campaña BDS?

A campaña BDS é unha campaña internacional que procura promover boicotes, desinvestimentos e sancións contra o Estado de Israel en sinal de repulsa polos crimes contra o pobo palestiniano e contra a humanidade perpretados polo sionismo. É tamén un medio fundamental para exixir o fin do rexime de apartheid a que Israel está a submeter o pobo palestino.

O 9 de xullo de 2005, xusto un ano despois de o Tribunal Penal Internacional ter declarado ilegal o Muro que Israel está a construir para isolar os Territorios Ocupados Palestinianos (TOP), a sociedade civil da Palestina fixo un chamamento internacional para que, desde os diferentes países en que Israel ten presenza e intereses, fosen lanzadas campañas locais e rexionais de boicote aos produtos israelenses, fosen decretados desinvestimentos nos produtos e as empresas israelenses e se demandase a imposición de sancións contra Israel até que e cesasen os seus crimes.

En concreto, a campaña exixe:
  1. O fin da ocupación militar e da colonización dos territorios árabes ocupados desde xuño de 1967 e o desmantelamento do Muro;
  2. O recoñecemento dos direitos fundamentais dos cidadáns árabo-palestinianos de Israel e a súa plena igualdade perante a lei en comparación co resto da cidadanía xudea;
  3. O respeito, a protección e a promoción do direito dos refuxiados palestinianos a regresaren aos seus fogares e ás súas propiedades tal e como foi estipulado pola resolución 194 da ONU.

Como actúa a campaña?

Ao promover boicotes, desinvestimentos e sancións contra Israel e os seus intereses económicos, a campaña BDS ofrece un medio para obrigar as oligarquías israelenses a cesaren o rexime de apartheid contra a Palestina, isto é, a paralisaren todas as políticas de limpeza étnica e xenocidio do pobo palestiniano.

En concreto, os boicotes están dirixidos contra produtos e compañías, tanto israelenses como transnacionais, que se benefician da violación dos direitos palestinianos, así como contra as institucións deportivas, académicas e culturais de Israel. Calquera persoa pode axudar no boicote, simplemente tendo coidado de non mercar produtos fabricados en Israel ou por empresas de Israel (cuxo código de barras comeza por 729), ou aínda deixando de comerciar con eles. Ademais, é posíbel presionar as propias institucións académicas, culturais e deportivas para se negaren a manter relacións instuticionais con aquelas pareceiras israelenses que, na realiadade, xogan un papel fundamental á hora de limpar o nome de Israel e facer esquecer os seus crimes diarios contra o pobo palestino. Nesta liña, un número crecente de artistas xa se ten negado a actuar en Israel, e algunhas universidades e institucións culturais teñen tamén rachado as súas parcerías coas súas correspodentes en Israel, contribuíndo así a isolar os responsábeis polo xenocidio e aquelas organizacións que colaboran con eles.

Os desinvestimentos están dirixidos contra corporacións e empresas cómplices da violación dos direitos humanos no caso palestiniano. Como consecuencia directa dos boicotes, promover o fin das parcerías significa en moitos casos promover o fin do investimento estranxeiro en Israel, especialmente no caso das empresas de capital privado. Deste modo, é posíbel usar a interdependencia do capital transnacional para presionar Israel.

Por último, as sancións son una parte esencial para demostrar como o apartheid é considerado ilegal pola comunidade internacional. A presenza de Israel en foros económicos e diplomáticos debe ser revisada ou, por outras palabras: Israel debe ser expulsado destes espazos de relacionamento internacional, onde a miúdo apresentan o conflito palestino-israelí como unha guerra entre iguais en que Israel é o agredido.

Estes tres principios foron empregados con grande éxito noutras situacións semellantes. Na África do Sul, foi unha campaña similar, unida á loita da maioría africana, o que conseguiu dar cabo ao apartheid de forma definitiva.

Quen fai parte da campaña?

A estratexia BDS xunta hoxe mais de 170 organizacións políticas, sindicais, sociais e veciñais na Palestina, con representación tanto dos refuxiados como dos palestinianos dos Territorios Ocupados e do Estado de Israel. Por todo o mundo, sindicatos, universidades, colectivos sociais, asociacións de consumidores, movimentos pacifistas, concellos, artistas, estudantes, profesionais dos mais diferentes ámbitos e de todos os continentes uníronse nun movemento cidadán e pacífico que crece e multiplica os seus resultados dia da dia. Tamén na Galiza existe unha campaña BDS, con organización propia (BDS Galiza) á cabeza da reivindicación destes obxectivos, do fin do apartheid sionista e dunha vida digna para a Palestina.